bng.xinzodalimia blog

Domingo, Novembro 27, 2005

Alleamento de masas comúns

No pleno do 25 de novembro foron aprobadas polo grupo de goberno do PP as bases para allear 25 parcelas propiedade do Concello ubicadas todas elas nas proximidades da vila. Son terreos que oscilan entre os 180m2 do máis pequeno e 6300m2 do máis grande. A valoración que se fixo destas parcelas achégase aos 326mil euros.

Dende o BNG rexeitamos esta venda indiscriminada de patrimonio municipal que se vai producir sen ter en conta nengún outro criterio máis ca o simplemente recadatorio. Coidamos que sería necesario estudar cada caso e valorar a posibilidade que cada un destes terreos poidera ter nun futuro para, por exemplo, ubicar instalacións ou servizos municipais ou calquera outra finalidade de interese xeral dos viciños.

Segunda-feira, Outubro 17, 2005

O Mosteiro de Trandeiras

Como todos sabedes o Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras é un dos monumentos máis siñificativos do noso concello. Dada a súa importancia temos o deber de recuperalo e conservalo para poder seguir disfrutando del.

Agora mesmo o seu estado é bastante lamentable. A igrexa foi obxecto dunha restauración (non exenta de polémica) hai uns anos, mais o resto do conxunto segue a deteriorarse.

Diante da falla de viabilidade das dúas alternativas que se plantexaron dende o PP, lembramos xeriátrico ou parador de turismo, a día de hoxe non hai perspectivas sobre que destiño darlle a esta construcción emblemática. No pleno extraordinario do pasado 14 de outubro propuxemos que podería ser acertado convocar un concurso de ideas para recoller suxerencias sobre posibles usos para o Mosteiro. Adiantándonos un pouco a esta posibilidade desexaríamos que nos achegásedes as vosas ideas ao respeito. ¿Que se pode facer co Mosteiro de Trandeiras? ¿Que suxerides?. As respostas podedes envialas ao noso email: info@bng-xinzo.org, ou deixalas aquí como comentarios a este post. Moitas grazas.

Sexta-feira, Outubro 14, 2005

Pleno extraordinario outubro 2005

Hoxe celebrouse un pleno extraordinario con 5 puntos na Orde do Día.

O primeiro era a demisión de Gonzalo Iglesias Sueiro como concelleiro do PSdeG-PSOE logo de acceder ao cargo de Delegado da Consellería de Educación nas pasadas datas. Na súa despedida leu un breve discurso e houbo palabras de agradecemento por parte de tódolos grupos. Dende o BNG de Xinzo desexámoslle sorte e éxitos na súa xestión.

Despois pasamos a tratar os seguintes temas, que vos debullo agora brevemente:

Proxecto para resolver o problema de abastecemento no rural en épocas de sequía

Despois da prolongada seca que estamos a padecer o nível da presa de Gudín está baixo mínimos e ameazaba con deixar sen auga aos pobos que abastece. Para solucionar esta continxencia (para o futuro) Aquagest propuxo unha solución consistente, basicamente, en bombear auga dende o Xinzo cara a presa empregando as mesmas tuberías de baixada. É unha solución sinxela e aparentemente viable xa que noso subsolo é farturento neste recurso. Segundo a propia Aquagest o orzamento para a obra é duns 154 mil euros, que se lle van solicitar á Consellería de Medio Ambiente.

Novo Cuartel da Garda Civil

Parece ser que non hai consignada partida para esta obra no Proxecto de Orzamentos do 2006. Non fai falla lembrar o estado deplorable destas instalacións, impropias dunha vila como a nosa. Había un compromiso (incumprido) de comezar neste ano que xa remata e, de non haber cambios, leva trazas de non comezar tampouco no 2006.

Mosteiro de Trandeiras

Aprobouse unha proposta para solicitar da Xunta e do Goberno Central 250.000eu para facer obras urxentes de consolidación neste monumento. As propostas do alcalde de convertilo en hotel ou xeriátrico non semellan moi viables e faise necesario tomar algunha decisión ao respeito para traballar cun obxectivo.

Tamén se acordou solicitar de Medio Rural axudas ao abeiro do R.D. 11/05, de 22 de xullo, para paliar os danos provocados polos incendios do pasado verán.

Quinta-feira, Agosto 25, 2005

Pleno ordinario agosto 2005

Neste pleno adxudicáronse obras para a construcción do novo Xardín de Infancia e ampliación da Casa do Concello á empresa Ganade y Marra, S.L. A ámbolos dous concursos se presentaron dúas ofertas, a da citada empresa e a de ALEA, S.L. Unha vez analizadas, as condicións ofertadas por Ganade y Marra resultaron netamente superiores:


Xardín de Infancia
*Prezo: 696.000,00 eu
*Prazo de execución: 4 meses
*Aumento de obra sobre a proxectada: 108.520,00 eu
*Melloras estéticas e funcionais: 22.250,00 eu

Casa do Concello
*Prezo: 343.000,00 eu
*Prazo de execución: 3 meses
*Aumento de obra sobre a proxectada: 55.220,00 eu
*Melloras estéticas e funcionais: 17.250,00 eu


En definitiva todos estivemos dacordo en que era a oferta máis ventaxosa xa que en conxunto disporemos duns 27 millóns de pesetas extra para mellorar estas obras.

Non obstante, tamén coincidimos a oposición en conxunto, en reclamar unha revisión das bases de contratación para futuras adxudicacións de xeito que se favoreza a competencia entre empresas, o cal sempre resultará en interés do concello.

Pasando a outro tema, o noso portavoz apresentou unha moción de urxencia referida á folga da Mancomunidade instando ás partes a resolver o conflito mediante o diálogo. Despois dun debate e dunha pequena modificación foi aprobada por unanimidade por tódolos grupos.

Sábado, Agosto 20, 2005

¡¡¡Xa están abertas as piscinas!!!

Despois de tres anos sin poder disfrutar destas instalacións hoxe por fin abriron as piscinas municipais.

Sí, é verdade que levamos tres anos sin elas; sí, é verdade que o señor alcalde prometeu que estarían operativas o 1 de xullo e estamos a 20 de agosto; sí, xa sei que foi necesario adxudicar a construcción dos vestiarios a toda presa e axudar á empresa coa brigada municipal; sí, tamén sei que xa casi está a rematar o vran... mais ¡¡¡que importa todo isto!!, ¡¡¡xa pertence ao pasado!!! O importante é que as piscinas están aí e para o ano que ven os veciños teñen a casi completa seguridade de poder bañarse todo o vran.

Velaí outro exemplo de brillante xestión. Celebrémolo.

Quinta-feira, Junho 02, 2005

Todos somos iguais

Unha "reflexión" que se escoita pola rúa moi a miúdo, especialmente nestes días nos cales a política cobra especial relevancia pola próxima cita electoral, é que da igual votar a uns ou outros porque "son todos iguais". Cando oiades isto é que estades casi seguro diante dun votante vergonzante do PP que así se consola da súa propia incapacidade, falta de criterio e falta de coraxe para revelarse diante da situación que crean os dirixentes deste partido máis preocupados pola súa situación persoal que por outra cousa.

Eu, persoalmente, vou explicar o que me diferencia a min dun votante ou simpatizante medio do PP:
  • Eu estou no BNG por ideoloxía. Un do PP está porque é donde lle din que ten que estar.
  • Eu estou no BNG porque podo e porque quero. Un do PP está para tirar algunha ventaxa do poder.
  • Eu estou no BNG porque non preciso nada. Un do PP está porque precisa "algo".
  • Eu creo que a política e o poder son instrumentos para mellorar a situación dos pobos. Un do PP cree que son instrumentos para mellorar a situación persoal e a dos amigos e "achegados".
  • Se o BNG non gaña unhas elección ó día seguinte eu vou seguir sendo o mesmo. Se o PP perde unhas eleccións ó día seguinte moita xente teme polas súas fabas.
  • Eu vou de interventor ou apoderado porque me apetece. Un do PP vai porque se non non entra no concello, ou na deputación, ou en calquera dos organismos que controlan.
Para rematar convídovos a facer un experimento moi sinxelo: pensade en aquela xente que coñecedes do BNG, quen son, que fan, onde están, etc. e facede o mesmo cos do PP. Logo tirade as vosas propias conclusións.

Reflexións pre-electorais

Estamos a vivir unha situación inédita na historia recente do noso país. Por vez primeira hai esperanzas fundadas de cambio no governo de Galiza. Despois de 15 anos de peste Fraga, de xestión nula e fraudulenta cos intereses dos cidadáns, é o momento de rematar con isto e deixar atrás o lastre pesado do PP, de rexeitar e esquecer as súas ameazas e a visión negra e pesimista que queren vendernos do noso futuro.

Nestes todos anos de "avance vertixinoso" e "modernización sin igual", segundo dí Fraga claro, non conseguimos sair dos derradeiros postos en tódolos indicadores que miden o benestar. A máxima aspiración hoxe do PP é que sigamos a recibir os fondos que nos veñen de Europa, ¿para que?, ¿para que serviron tódolos cartos que recibimos ata hoxe?. Fraga fala dunha "supergalicia", que non verá, cando non temos nin Galiza. Temos o peor inimigo na propia casa, un presidente (con minúsculas) que se empeña en rebaixar tódolos días a categoría da institución que preside e, consecuentemente, a categoría de todos nós como pobo.

Fronte a esta situación, a este negativismo escurantista do PP que só pensa en manter a súa estructura caciquil, dende o BNG apoñemos un proxecto positivo e optimista que cree en Galiza como PAÍS, nas súas posibilidades, na súa xente, no seu agro, no seu mar, na súa cultura,... agora só falta abrir os ollos e querer ver.

Terça-feira, Maio 24, 2005

Novo préstamo de 485 mil euros

No pleno extraordinario celebrado a tarde do luns, 23 de maio, foi aprobada, cos votos favorábeis do PP unha operación de préstamo por un importe de 485.000 euros. Estes cartos xa estaban recollidos nos orzamentos deste ano e irán destiñados a financiar as obras nas piscinas, a gardería a rúa da Sé e Sta. Mariña e o Parque de Bombeiros.

O principal argumento do alcalde á hora de xustificar este préstamo está na inevitabilidade de acudir ao mesmo para poder executar as obras, que doutro xeito non poderían ser abordadas.

Nós votamos en contra desta operación porque incrementa a xa abultada débeda do Concello, siñifica a constatación palpable do incumprimento (máis unha vez) das promesas electorais do PP, tenta salvar a cara deste goberno para chegar ao final do mandato e deixa un novo problema que teremos que afrontar os que veñamos detrás.